Eu nacín preto da casa da tía Chucha e do tío Manuel de Prado, alá na Casilla de Carballo. Eu frecuentaba moito aquela casa, pois os tíos eran moi protectores coa familia da miña avoa, viúva de guerra con sete fillos. Naquela casa coñecín a Pedro Tasende, mozo da curmá de meu pai, Marisa. Pedro estaba estudando medicina en Santiago e xa daquela era o meu pediatra de cabeceira. Funlle á voda, celebrada nunha igrexa da Coruña. Creo que oficiou a cerimonia un irmán crego de Pedro. A comida foi nun restaurante preto do estadio de Riazor. Debeu ser no 1970, pois na festa soaba a canción de Mungo Jerry In the summertime de moda naquel ano. De alí a pouco naceu Patricia. Miña avoa foi coidala, pois a tía Chucha tiña un negocio na praza, e eu íache moitas veces á casa dos Prado axudarlle a miña avoa coa nena, ver a televisión, pois nós non tiñamos, e comer aquelas tortillas tan ricas que facía a tía Chucha. Veu a miña adolescencia e xa as miñas visitas foron a menos. Pedro Tasende seguiu a ser o meu pediatra ata que fun para a mili. Non é que fose moito á consulta de Pedro, pero as veces que fun solucionoume os problemas. Fun pai e, como non?, levamos o noso fillo ao pediatra Tasende ata que se independizou. Non hai moito vin a Marisa andando e detrás ía Pedro. Saudeino, saudoume e decateime de que algo pasaba, que non era el.. Estou seguro de que se non tivera ese mal que o levou eu seguiría a consultalo por problemas que temos os vellos. De aí o título desta homenaxe de PEDIATRA A XERONTÓLOGO.
No hay comentarios:
Publicar un comentario