Na Lagoa de Vimianzo, nunha cea-baile, despois de cear. Así que tomamos a sobremesa, veu o camareiro pola nosa mesa e dixo:
- Que tal a sobremesa?
E José da Casanova díxolle:
- Sabes a que me soubo?
- A que?
- A pouco.
O camareiro con vergoña ou sen ela, e co consentimento do resto dos comensais, tróuxolle outra sobremesa a José. Despois do café e duns chupitos empezou a actuar un TRÍO e José díxome ao oído: "Ser será un trío pero eu só vexo unha"!
Chamámoslle José da Casanova porque el e os seus irmáns viñeron de Curtis habitar a casa máis nova da Casilla (en Carballo), alí preto da nosa corredoira. Na corredoira eramos catro rapaces máis ou menos da mesma idade e moitas veces xogabamos aos catro de Bonanza. Cando viñeron os tres de Curtis xa podiamos xogar aos sete magníficos.
Naqueles tempos poucas casas tiñan auga da traída. A casa nova tiña a auga traída por José e os seus irmáns a caldeiros do pozo de Esperanza. Esperanza era moi mala. Preguntarédesvos como sendo tan mala lle deixaba coller a auga do seu pozo. Pois porque daquela era como unha obriga compartir a auga.
O Sr. Constantino, que era o home de Esperanza, deulle a José un peso e unhas mazás por axudarlle a recollelas da maceira. Cando ía para a casa José atopouse coa mala e ensinoulle, todo inocente e ledo, o que o bo de Constantino lle dera. Esperanza quitoulle o peso e as mazás e deulle unha pequerrechiña.
Esta anécdota contouma José cando iamos xuntos ao Instituto. Contábame anécdotas e moitos contos. Aprendín moito con el. El aos 14 anos empezou a traballar de electricista con Pepe dos Contos e aí quitou os títulos de electricista e de contacontos.
As nosas vidas transcorreron normais coma moitas: matrimonio, fillos e neta (eu aínda non teño). José perdeu a vista e tivo que deixar de traballar. El sabía levar calquera conversa. Tiña moitos amigos. Entendía de todo. El dicía: "Entendo de todo e non sei de nada".
Deixounos despois dunha longa enfermidade, pero chegou moi enteiro á súa fin. Sempre dando ánimos e animándose. Funlle dar o pésame á súa dona e díxenlle:
- Se todos fósemos a metade de boa persoa que era el non habería problemas neste mundo.
- Si, era moi bo, non quería saber nada de psicólogos. Díxome un que o foi visitar: "Vaia lección de vida me acaba de dar".
DESCANSA EN PAZ JOSÉ DA CASANOVA.
Loxicamente José non había querer que eu acabase este obituario sen un conto. Aí vai!!
Chegou José da Casanova ao ceo e díxolle DEUS:
- Que tal por aló abaixo José?
- Sabes a que me soubo?
- A que?
- A pouco!!
Loxicamente DEUS ben o podía mandar de volta para a terra, pero xa sabía de memoria os contos de Pepe dos Contos e quería un repertorio novo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario