Sabedes cal é o concello máis pobre de Galicia? Uns din que é Nigrán, porque non teñen nin gran, pero eu digo que é a Rúa, pois viven todos na Rúa.
Polas rúas, cruces e rotondas de Carballo circulo eu para ir ao traballo, ao mercado, ao supermercado... Tamén circulo por diante da igrexa. Neses movementos circulatorios, vexo todas as atrocidades habidas e por haber: coches aparcados na rotonda de Francisco (ultramarinos no barrio da Milagrosa de Carballo), coches en dobre fila, aparcados na beirarrúa, aparcados en pasos de peóns... Eu se teño que ir a un sitio aparco ben, aínda que sexa a dous quilómetros. Se atopo un sinal de prohibición e non vexo a cifra, pois está cuberta por matogueira e silvas, eu póñome a 50, e cando chego ao sinal e vexo que é de 70, dou marcha atrás e vou a 70. Cando vou por unha recta quilométrica e sen curvas onde hai un sinal de 50, porque hai dúas casas deshabitadas, eu vou a 50. Os coches que veñen detrás pítanme, pero eu teño unha pegata no cristal de atrás na que pon "Perdonen las molestias. Agotado presupuesto multas".
Son dos poucos aos que lle leva unha hora ir de Carballo á Coruña, pois respecto os sinais e evito ir pola autoestrada das mil e unha curvas (os de Carballo non temos dereito a unha autovía, a un corredor... Temos que pagar!!).
O outro día, vindo de traballar, parei nun paso de peóns, pois alí había un peón. Abrín a xanela e díxenlle ao señor:
- Pase!
- Pasa ti!
- Non! Non quero que me multen!
- E que eu non quero pasar!
- Vostede está a contemplar a circulación dende un paso de peóns? Pois agora pasa!
Pasou. Vin polo retrovisor que volvía a onde estaba. Seguín e cheguei a un sinal deses que ten unha pantalla, na que che di a velocidade á que vas. Eu a 30, respectando o sinal. Adiantáronme e pitáronme tres coches a máis de 50.
Que conste que eu estas arroutadas circulatorias legais só as teño despois de pagar unha saborosa multa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario