Coñezo moita xente e, máis ou menos, sei onde teñen o corazón deportivamente. A gran inmensa maioría respiran aire merengue ou blaugrana. Hai algún do Deportivo, aínda con deixes cataláns ou madridistas. Coñezo dous do Celta. E aínda que vos estrañedes coñezo un colchoneiro.
É Chucho da Jauvea. Coñézoo de cando iamos xuntos ao instituto. E lémbrome daquela final da copa de Europa no estadio Heysel de Bruxelas, no ano 1974. Vímola xuntos en Galicia, no bar Galicia. Acabou o tempo regulamentario sen goles, e houbo que ir á prórroga. Na prórroga meteu Luis Aragonés un gol de falta, no minuto 114. E faltaba pouco para o final e niso que Schwarzenbech tirou un tiro dende moi lonxe, no minuto 120. Era o primeiro gol da súa vida, pero non era a primeira cantada de Miguel Reina, porteiro do Atlético. Houbo repetición do partido 48 horas despois. O Atlético perdeu 4-0. Naquel equipo, aparte de Reina, Luis Aragonés, José Eulogio Garate, López Ufarte, Adelardo, xogaba Rubén Ayala, o ratón Ayala, aínda que non puido xogar este partido, porque estaba sancionado. Na clase de literatura, Chucho da Jauvea sabía de memoria o Canciller Ayala, pero o Marqués de Santillana non lle entraba nin de coña. Xa sabedes que Carlos Alonso "Santillana" era xogador do Real Madrid.
Despois viñeron os tempos da rivalidade Atletic-Barsa. Tiveron unhas tempadas de facer grandes partidos con moitos goles. Nun partido deses, ía gañando o Barsa 3-0 no descanso, e un catalán veciño de Chucho da Jauvea tirou tres bombas. O partido acabou 3-4 a prol do Atlético. O catalán foi buscar as bombas.
Tempos de Diego Pablo Simeone: dúas finais da Champions co Real Madrid en tres anos. A sorte dos campións favoreceu ao Madrid. O Atlético mereceu moito máis. Que conste que eu quería que gañase o Atlético, máis que nada para non ver a tableta de Cristiano Ronaldo, pois estou ata os narices de que me bote en cara a miña bochuda barriga. Non felicitei a Chucho da Jauvea, pois non gañou o Atlético, pero espero que no 2050 me felicite por gañar o Deportivo a final da Champions League ao Atlético de Madrid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario