Andainas polo nacemento do Anllóns

 Déronnos a probar o viño, e daquela meu cuñado o Ferrador quitou o seu anecdotario e abriuno na páxina 75 e dixo:
  - No 75 tiña que facer a festa e precisaba unha ola de viño (unha garrafa de 16 litros) e fun á taberna do meu compadre, fun pola rúa e vin pola estradaaa!. Deume a probar dous viños; un de cinco pesos e outro de vinte. Eu elixín o de 5 pesos:
  - Éncheme  a ola deste viño.
  - É que deste viño terei dous cuartillos.
  Eu marchei sen o viño.
  E eu díxenlle:
  - Dende cando ti te chamas vinte pesos?
  - Ti non entendiches nada; o viño bo era o de cinco pesos, só que el queríame vender o malo a vinte pesos. Como sempre pensamos que o máis caro é o mellor!!
  Eu daquela lembreime dunha historia que contaba meu pai, que loxicamente sabía o Ferrador!
  Entrou nunha tenda de confección un home que viña de traballar nas minas de Asturias. Tiña moitos cartos, e pediu a mellor gabardina. As gabardinas levábanse moito aló polos anos sesenta. De feito meu cuñado Chucho da Jauvea aínda gasta e presume dunha que herdou do seu pai.
  O dependente ensinoulle unha:
  - Esta costa 500 ptas.
  - Non tes algo máis caro?
  O dependente levou para adentro a gabardina e voltou coa mesma e dixo:
  - Esta costa 1.500 ptas.
  - Esta é a miña!!
  Pois si, déronnos a probar o viño na casa de comidas que eliximos para dar fin a ruta do nacemento do Anllóns.
  Saímos do mosteiro de Soandres e subimos e baixamos costas, montes, montañas e valados. Vimos tremendas paisaxes e mais o curso do Anllóns, que por alí é só un rego. Chegamos a un monte, que está ao carón do monte Xalo. Dende alí vimos toda a mariña coruñesa: as Rías Altas, o Cabo Prior, a planta de Reganosa, o aeroporto, o outlet de Culleredo... Subimos un pouco máis ao monte e alí estaba a fonte do Anllóns. Hai quen di que non é ese o verdadeiro nacemento do Anllóns, que é outro  que está máis arriba. Ese outro nacemento está no concello de Culleredo. 
  A ruta foi duns catorce quilómetros. Chegamos ao restaurante á hora de xantar. E despois de probar o viño comemos callos, polo da casa e cordeiro asados, cunhas patacas asadas, desas pequeniñas. Estivemos de sobremesa. Eramos os seis da ruta e mais o meu cuñado o Ferrador, que sempre se apunta aos papares, ten medo de perder a liña, a liña curva da súa barriga.
Trouxo o reloxo que lle regalamos a familia pola súa xubilación. Nunca o pon, sempre anda con aquel Casio negro. Dixo:
  - Teño un funeral ás catro, así que eu logo marcho! Eran as catro e díxenlle:
  - Non tiñas o funeral?
  - Si, pero aínda son as tres!
  Tiña o reloxo coa hora vella! Colleuno tal cal. Menos mal que tiña outro funeral ás seis e non perdeu de ir á capela.
  E nós entrementres estivemos preparando unha das vindeiras rutas, que transcorrerá polas ribeiras do Río Calvelo e do Bardoso. O Calvelo e afluente do Bardoso, que se xuntan na Ponte das Táboas (en Artes) formando o Rosende, afluente do Anllóns. A ruta pasará polas parroquias de Sofán, Rus, Artes, Berdillo e de volta a Sofán.


No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo