Aparte de calvicies e varicies, herdei de meus pais un pazo, un pazo de cultura, quero dicir un pozo de cultura retranqueira, do que bebo para facer as miñas historias.
Meu pai é moito de xogar a rimar verbas. Fai pareados sen saber que é un poeta. Rimas un pouco infantís, pero endexamais foi á escola, e serven para facer rir a quen as escoita.
Un día díxome:
- Levou un bo golpe Antón.
- Que Antón?
- O dono do meu bastón!!
Outra broma era:
- Sabes que fai María Dolores Pradera?
- Canta a flor da canela.
- Pero tamén anda detrás de Che de Manuela.
Miña nai é moi de inventar palabras. Ao deshumidificador chámalle simificador. Ao microondas, chámalle licoondas. Falando de licoondas, unha muller dille ao home:
- Teño vez para o médico á unha, e xa sabes como é a seguridade social, igual ata as tres non veño. Tes unha pizza na neveira e quéntaa no microondas e come.
A muller, aínda que é raro, a unha e media xa estaba na casa. Foi á cociña e alí estaba o seu home sentado diante do microondas.
- Pero que fas santo de deus berrando coma un burro.
- O libro de instruccións pon que hai que hornear durante quince minutos.
Un día chamoume miña nai:
- Estou na Alarma.
- Onde??
- Na Alarma de Granada. Todo é moi bonito, pero fai moita calor, moito soborno.
- Mamá!! Es incorrixible! Non é soborno, é bochorno!
Tamén foi de viaxe a Asturias. Chamoume:
- Estou en Covalonga, e pola mañá estiven en Cangas de Anís.
- De anís do mono?
- Non ho! Anís La Asturiana.
Alí en Asturias esvarou e rompeu unha perna. Estivo no hospital, e cando a foi visitar o anestesista e lle dixeron o que lle ían facer na operación, ela contaba que a fora ver un taxista e que lle ían pór unha próstata de cadeira.
Pero a verba que máis me gusta dela é a redondela, chámalle así ás rotondas.
1 comentario:
Creo que a túa nai e unha digna herdeira do vangardista por excelencia, de Ramón Gómez de la Serna. O teu pai, ademais, ten moita tenrura. Normal, daquela, que teñas tanta graza contando historias.
Publicar un comentario