De peras e mazáns

Nos anos sesenta e setenta non había traída de auga na Casilla, o meu barrio. Moitas casas tiñan pozo, pero as mais tiñamos que ir por auga a casa dos veciños. Soían ir as donas e mais os rapaces. Un caldeiro en cada man para encher a sella, onde se mantiña a auga fresquiña, o pote, que estaba na lareira, e o depósito das cociñas de ferro. Eran as maneiras de ter auga potable e mais auga quente. 
A Xosé da Casanova, mandabao a nai a por auga a da Sra. Esperanza. A sra. Esperanza era mala coma o demo, así como o seu home, o sr. Constantino era un anaco de pan, de pan de Carballo.
Cando tocou coller as mazáns das maceiras, o sr. Constantino pidiulle a Xosé axuda para quitalas das árbores, pois Xosé aganchaba moito millor e pesaba menos. Cando acabaron de acabar, Constantino doulle un lote de mazáns e un peso a Xosé (con un peso íamos ao cine infantil). Cando saía Xosé, entraba a sra. Esperanza, e el, todo inocente díxo:
-O sr. Constantino doume estas mazáns e mais este peso!!
-Mazáns leva dúas,e trae o peso para aquí!!
Mesmo nese intre Xosé da Casanova soupo o que era a sede de vinganzal e dixose.
-Heime vingar!!
Xa sabedes que eu adoito a meter un conto nas miñas historias:
Chega un rapaz chorando, cheo de golpes, rabuñadas...a súa casa e dille a nai:
-Como vienes así? Que te pasó?
-Es que Pepito y más Jaimito me zoscaron!
-Y por qué no te vengaste?
-Si no me vengo me matan!!!!
Na casa da sra. Esperanza prantaron unha pereira. Unha pereira do melloriño que había na bisbarra. Unha pereira que garantía a millores peras. 
Na primavera, agromou e tivo unha flor. Xosé viu como aquela pereira e aquela flor medraban. Viu como a flor se convertiu na pera mais bonita, mais grande e apetitosa do mundo. A sra. Esperanza decatouse de como Xosé miraba a pera, e dixo:
-Non se che ocurra coller a pera, pois malearías a pereira e non daría mais froito. Ten que caer polo seo propio peso!! Non se pode arrincar!!
A Xosé acendiuselle unha candea e pensou:
-Esta é a miña! Voume  vingar!!
Un día, que o matrimonio do pozo foi a leña ao monte, entrou Xosé na horta. Agarrouse a pera con coidado de non arrincala e acabou con ela a mordiscazos. Na pereira só quedou o cadolo. A pereira non ía a ter problema para ter mais peras no futuro. A mala sorte de Xosé foi que a sra. Esperanza chegou antes de tempo e viu a operación. Colliu un caldeiro de auga e tiroulla pola cabeza abaixo. Pobre Xosé da Casanova, todo molladiño, pero orgulloso e ledo da súa falcatruada, díxolle á vella:
-Estabache ben boa!! Valiu a pena a molladura e mais o meu peso!!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo