Unha de orquestras





Estaba eu xogando no xardín e miña nai sentada nun banco. Era San Xoán, e estaban soando Los Tamara, e un mozo veu a sacar a bailar a miña nai. Eu dixen a palabra máxica e o mozo desapareciu por arte de maxia:"Mamá". Meu pai fora a mercarme un xelado, e acabábao de ver na taberna, onde daquela non había xelados, por eso chamei a miña nai, para chivarme. Ao final o meu pai troúxome un chupa.

Naqueles tempos Los Tamara versionaban a cantantes europeos, que traducían ao castelán (era obrigatorio) Eu daquela pensaba que eran orixinais deles. Co tempo soupen que eran de Charles Aznavour, Jimmy Fontana, Gino Paoli...Ten dito Charles Aznavour que un cantante galego, que actuaba no Olimpia de París, cantaba moito millor ca el as súas cancións. Ese cantante era Pucho Boedo, a Voz de Galicia. Mais tarde empezaron a grabar cancións en galego: Galicia terra nosa, Morriña,...musicaron poesía dos grandes poetas galegos. E tamén cancións modernas: Estoy de Rodríguez, Gibraltareña, Curva peligrosa e sobre de todas A Santiago voy, a súa canción mais emblemática.

Eu daquela a única música que escoitaba era a das verbenas e a da Radio Nacional, e cando poñían Galicia terra nosa, viñánme as bágoas aos ollos. Tal era o meu orgullo de sentir falar galego e de Galicia.

Cando tiven o meu primeiro cassette, coleccionei todalas cintas que ían saíndo dos Tamara e demais orquestras galegas (Los Trovadores, Los Satélites, Os Breogáns...) as cintas fóronse raiando, rompendo e perdéndose. Agora de vello doúseme por recuperar a miña xuventude, nada de cremiñas miragreiras, senón música dos meus tempos de carroza!. Conseguín de Los Tamara e de Los Satélites practicamente todo. A través de discos de vinilo e cintas vellas que me foron deixando. Paseinas a CD. A de Los Tamara que contiña as cumbias, as pachangas... mandouma un admirador deles, dende Gijón , vía correo. Cando abrín o paquete e me atopei con un cartucho grande como unha cinta de video, díxenme:" E como fago para reproducila". Preguntei por ese aparato, pero ninguén se lembraba dese sistema de reprodución. Houbo poucas unidades por que a cinta pequena acabou con el. Un día falando cun amigo, conteillo e díxome:"Teno o meu pai, ou non sabes que meu pai é coleccionista de radios antigas, magnetofóns, gramolas...?E si, Evaristo do Ferreiro, que vive cerca da miña casa, tiña ese aparello. E como non! deixoumo e pasei as cancións a unha cinta pequena a través duns cables e da cinta ao ordenador. Agora podo presumir e presumo de ter case que toda aquela música. Fáltame algo de Los Satélites e de Los Trovadores, pero xa estou en contacto con Sito Sedes (ex cantante dos Satélites) a ver se mas consigue! Galicia sempre tivo grandes orquestras, pois estiveron grandes tempadas en Sudamérica e trouxeron ritmos novos. Foron grandes innovadores.
Lémbrome, cando estivo de moda a canción de Rubén Blades, Pedro Navajas, que a orquestra Platería fixo unha versión que tivo moito éxito, a Televisión Española chamábaos con frecuencia, pero o seu repertorio era moi pequeno. Así que se fixaron nas orquestras galegas e Los Satélites actuaron no programa Aplauso moitas veces.


E na actualidade seguemos a ter as millores orquestras de España. Contamos coa Olimpus, a París de Noia, Filadelfía e como non! coa Panorama.Son Orquestras espectáculo. Este ano fun a ver a Panorama a Sofán,un luns, ao outro día tiña que ir traballar. Tiñan prevista a actuación as 12 da noite. Un despliegue formidable, 5 camións e un autobús. Cando cheguei a diante do palco díxenme :"De cantas pulgadas será?" Informeime e dixéronme 28 metros de ancho por 16 de alto. Aquelo parecía un circo, un teatro, con trapecistas, saltimbanquis, magos... Non é unha orquestra para bailar. Imposible con tanta xente, dixo Lito o da Panorama que seríamos 5000 persoas, e efectivamente eu contei as pernas e dividín entre dous e así me dou. E unha orquestra para mirar e disfrutar sentado nunha butaca cómoda. Xa dixen a actuación era para as 12 e a 1,15 ainda non empezara. Un sobriño meu dixo:"Que lle den polo cu a Panorama" e eu comentei:"Pois vamos ter que ir para atrás do palco!".A 1,30 por fin empezou o espectáculo. Cando fun para a casa dábanme cambras por todas as partes do meu corpo. Canto votei de menos aquel banco no xardín de Carballo escoitando a Los Tamara!.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.