Conto real de Nadal



  Fai uns anos que nos reunimos cos meus pais e cuns tíos en Noiteboa e o día de Nadal. E isto faime recuperar un pouco as lembranzas dos meus Nadais, de cando era pequeno. Pero non é o mesmo. A inocencia infantil enmascaraba a realidade (agora nin esta a enmascara).
  Nos Nadais de agora sempre falta alguén. Hai lembranzas tristes, intentas sorrir cos beizos pero o corazón está triste. A maxia, a ilusión e o que moitos chaman espírito de Nadal están ausentes. Si, faiche un pouco de ilusión abrir un regalo, faiche ilusión que che abran os teus regalos e pouco máis. Este ano estaba de invitado, a maiores, un irmán da noiva do meu curmán Manuel. Chámase Javier. Tocoume sertarme ao seu carón. Nun principio había frialdade entre nós, pero a un certo tramo da cea incitoume a cantar. A min encántame cantar. Despois de varias cancións, púxenme a cantar o "Andar miudiño". A Javier gustoulle tanto a canción que conseguiu un papel e un bolígrafo, e pediume que lle dictara a letra. Escribiuna, e cantámola os dous xuntos. Despois el díxome se cantabamos a "Negra sombra" e eu díxenlle: "Cántaa ti primeiro". E cantouna. Unha marabilla. El sabe escribir, sabe ler e sabe cantar. Sería normal se fose galego, que el cantase a "Negra sombra", pero é asturiano. E sería normal se  fose normal, pero el ten a síndrome de Down.

Loxicamente tamén cantamos "Asturias patria querida".


Cando nos despedimos, Xavier (asi lle chamo eu) petou coa súa man dereita no seu peito esquerdo e díxome: "Joze Manue, te llevo aquí dento". Subíuseme unha cousa por min arriba, e baixarónseme dúas cousas polas faceiras abaixo. E pregunteime: "Será este o espírito de Nadal?" E contesteime (como bo galego que son): "E quen senón?"


No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.