Tres metas



  Tres metas tiñamos Tito de Ernesto, Xoán de Ramona, Suso de Chucho e mais eu cando tiñamos 10 ou 12 anos: saber andar en bicicleta, saber nadar e saber bailar.
  A nadar aínda non aprendín. Daquela non había piscinas e ao río non me deixaban ir. A andar en bicicleta aprendín malamente, nunha de muller. Daquela o Papá Noel non existía e os Reis pola Casilla traían poucas bicicletas, e a bailar, como non había clases de baile de salón, movía os pés ao ritmo do baixo e daba moitas voltas. Algunha rapaza dicíame que non tiña falta de ir aos caballitos nin nas cadenas coas voltas que lles facía dar.
  O de dar tantas voltas acabóuseme aquel día, ou aquela noite na que quitei a bailar a unha rapaza, non moi alta, na festa da Pilarica en Carballo. O adro estaba na praza onde está a escola de Pazita. O chan do adro estaba costa arriba se mirabas para arriba e costa abaixo se mirabas para abaixo; atopei a rapaza costa arriba. Cando nos puxemos a bailar ela dábame por debaixo dos ombreiros, pero cando lle dei a volta, dábame pola barriga. Dei a volta rapidamente e nese intre aprendín a mover os pés sen dar voltas.
  Teño 51 anos, os meus compañeiros acadaron as tres metas, pois son máis espabilados ca min. Eu teño aínda dúas desas metas pendentes: bailar e nadar, pois ando na bicicleta da muller. Estou indo a clases de natación. Xa levo un ano e aínda non sei aboiar. Tiña pensado ir a clases de baile así que saiba nadar, pero vaime levar moito tempo. Así que o outro día pregunteille ao monitor: "Pódesme aprender a natación sincronizada? Así aprendo a nadar e a bailar ó mesmo tempo". Non me contestou, pois aínda non parou de rir.


No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.