Nun 24 de xullo de moita calor, véspera do día de Galicia, hai moitos anos, fomos toda a familia á praia de Razo, e picoume unha abella nunha perna, que con amoníaco foi pasando. Aquela noite caeu unha tremenda tormenta eléctrica. Pasei moito medo. O outro día comentándolle a unha veciña o medo que pasei, díxome: "Pois eu non lle teño medo ós tronos, téñollo aos lóstregos".
A seguinte fin de semana fun á praia de Samil. Alí sentado na area cunha cervexa, unha abella pousouse mesmo onde eu tiña que arrimar o beizo de abaixo. Esperei un bo anaco, a ver se marchaba, pero á abella debeulle gustar o zume de malta e cebada. Eu tiña moita sede, pois tamén era un día de canícula e collín o dedo corazón e o pulgar e deille como se fose unha bóla. Caeu na area e enterreina ben fonda. Alí seguín sentado coa miña cervexa, cando vexo buligar a area e a abella saíu voando directa á miña outra perna. Esta vez non me bastou o amoníaco e tiven que ir por urxencias. Diagnosticáronme alerxia ás abellas e que tiña que ter moito coidado, nin sequera vexo a Abella Maya.
Dende ese verán tiven dous medos máis, medo ás abellas e ós lóstregos (aos tronos non). Medo aos ratos xa llo tiña dende pequeno, polo que miña nai me ameazaba con encerrarme no faiado con eles, cando me portaba mal.
Teño outro medo, pero ese non volo vou contar. Non vos vou contar a anécdota de Milán. Non vos vou contar o que pasou aquel domingo que cerraban moitos bares e que eu tiña moita gana de mexar. Andamos dous amigos e mais eu a buscar un bar para mexar e non o demos atopado, así que un deles díxome: "Pero mexa aí contra esa árbore ou tes medo de que cha vexan?" Díxenlle: "Non, non teño medo de que ma vexan, teño medo de que non ma vexan".
A verdade é que facía un rato que estaba lostregando e tiña medo de que ma picara unha abella.
No hay comentarios:
Publicar un comentario