
Todos sabedes que os barbeiros e as perruqueiras son uns grandes escoitadores e case que psicólogos e tamén grandes faladores.
Un día estaba Manolo cortándome o pelo e chegou Moncho da Moucha bastante triste, ao meu parecer. E contestoulle ao saúdo de Manolo desta maneira: "Estou moi mal. Levo bastante tempo facéndolle as beiras a Mucha da Nocha, contándolle contos, historias e anécdotas, e o outro día, cando lle dixen "ata mañá" díxome que ía ser que non. Estiven moitos días sen vela, suponse que ela non quería que a vise, e prometinme a min mesmo, que a ía mirar cos ollos pechados e falarlle coa boca pechada. Despois de varios días de cruzarme con ela, de mirala cos ollos pechados, de falarlle coa boca pechada, preguntoume se estaba enfermo, se estaba mal. Díxenlle coa cabeza que si, e poñendo a man no meu peito esquerdo. Armeime de coraxe. Pechei os ollos e díxenlle: "Prometín mirarte cos ollos pechados, prometín falarche coa boca pechada, pero o máis que acado e mirarte coa boca pechada e falarche cos ollos pechados..."
Acabouse o meu corte de pelo. Marchei. Xa viría miña nai pagar. Non sei como acabou a historia, pero quero crer que Mucha da Nocha lle dixese a Moncho da Moucha: "Mírame cos ollos abertos, fálame abrindo a boca, que eu escoitareite cos ollos, cos oídos e coa boca abertos".
Os da Casilla saberedes onde estaba a barbería de Manolo o Chupado. Si, estaba na casa de Pacicora, que despois foi do americano e que agora é do meu tío Pepe.
É a fachada máis antiga e bonita da Casilla. Baixando a Avda. da Milagrosa, atoparédela alí de fronte. Si, é aquela que ten de adorno un sinal informativo, onde pon FISTERRA e debaixo pon OUTRAS DIRECCIONES. Iso reflicte o carácter bilingüista do pobo galego e mais o carácter bipartidista da vila de Carballo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario