Avatar




  Practicamente eu aprendín a andar polos corredores dos cines de Carballo. Daquela había tres cines: Camarot, Cervantes e Rega. Soía ir cos meus pais, de tres a catro veces á semana. O cine era a nosa televisión. Meu pai, Marcial, levábase moi ben con Manolo de Rega. Marcial tiña unha moeda estranxeira das mesmas dimensións cás moedas de cinco pesos. E dicíame: "Vou intentar meterlla, pero como hai pouca xente, vaise decatar". Efectivamente, Manolo de Rega dicíalle: "Enganáscheste Marcial, esta non é de verdade", e meu pai contestaba: "Enganeime, perdoa". E meu pai díxome: "Xa verás, como un día de apuro, métolla". Efectivamente, un domingo, nunha película de estrea (só tiña cinco anos), había colas quilométricas, meu pai deulle a moeda falsa, para pagar tres entradas. Coou, pero no medio da película veu Manolo de Rega co foco e berrando "Marcial, Malandrino, onde estás? Volvíchesma meter". "Estou aquí, volvinme a enganar, perdoa", contestou meu pai. Eu quedei a pensar e cheguei á conclusión de que a meu pai tamén lla meteran (a moeda).
  Cando fun un pouco máis grande, os domingos ía só cos meus amigos ao cine infantil. Custaba un peso, ou sexa cinco pesetas, o que eu levaba. Un día de aninovo, subiron a sete pesetas. Eu non podía ir, pero Manoliño de Fontefría deixoume as dúas pesetas. Era unha película de vaqueiros. Cando saímos, como sempre, escenificabamos algún tramo da película. E dixo un de nós: "Lembrádesvos cando o chico lle dixo ao malo -A mi mo parece que xa te conozo-". Por certo, Manolo, grazas polas dúas pesetas.
  Foi pasando o tempo, veu a televisión, e fun deixando de ir ao cine. Comencei a volver, cando o meu fillo era pequeno, e iamos ver todas estas películas para nenos (as de Disney). Hai uns anos, cando vin os anuncios de Avatar na televisión, díxenlle á miña dona: "Quen me dera ser avó para levar ao neto a ver esta película". E ela díxome: "Podemos ir os dous". E fomos. Xa sabedes o que é unha película 3D, que tes que usar unhas lentes. Non vos vou  contar a película. Decatarédesvos por que se vos conto o que me dixo miña dona cando acabou: "Tiveches sorte, que a xente pensou que os teus ronquidos formaban parte dos efectos especiais".
  Decididamente non quero ser avó. Unha porque son moi novo, só teño corenta e dez anos e outra porque non quero deitarme cunha avoa e ela cun avó, tampouco.
  Case que nazo nun cine, pero non creo que morra nun cine, pois non vou  pagar sete euros e medio por durmir nunha cadeira e menos cunhas lentes de sol.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.