
Moitas veces, por non ir ata o campo da Sota, xogabamos na estrada. Cando pasaba un coche apartabámonos, e cando acababa de pasar voltabamos a xogar. E cando pasaba o Sr. Maiqués, aproveitabamos para facer o descanso e comer o bocadillo, tal era a velocidade á que andaba! Podíavolo confirmar o Sr. Manuel "O Chorón" co seu bastón, que sempre que pasaba por diante do taller do Sr. Maiqués, este dicíalle: "Para onde vai Sr. Manuel?" " Vou para Coristanco", respondíalle. "Quere que o leve eu no coche?", engadía o Maiqués. "Non, que teño présa", concluía o Chorón.
O Sr. Maiqués tiña un taller mecánico na Casilla, e tiña un Panhard Dyna X, matrícula de Gran Canaria (GC), creo recordar un sete mil e pico. Non era da Casilla, pero era como se o fose. Era un home moi querido e sempre estaba a facer favores.
Tamén xogabamos ás carreiras polas costas do circuíto de motocrós do Campo da Feira. Faciamos un manillar de madeira cunha chapa redonda, tamén de madeira, onde poñiamos o número do noso piloto favorito. Había moitos: Pedro Pi, Jesús Sáez, Vilanova, Millán.... Estes últimos eran pilotos locais. Loxicamente o ruído do motor faciámolo coa boca. Outras veces faciamos carreiras co aro de ferro.
Estas dúas fotografías, dos anos sesenta, tíñaas gardadas no faiado do meu cerebro. Lembroumas o goberno do noso concello, pois está a facer que os pequenos volvan xogar na rúa, máis ben na beirarrúa. Están facendo unhas inmensas beirarrúas, onde se pode xogar ao fútbol, á pillada, ao brilé... e incluso, nalgunha delas, pódese xogar a patinar sen patíns cando chove. E loxicamente as rúas son máis estreitas. Como vaias un pouco bebido non podes facer eses, pois bates nas beirarrúas.
E para nós os grandes, para que nos lembremos da sensación de subir e de baixar costas, está a facer costas por diversas rúas da vila. As máis grandes están na rúa Luis Calvo ata o Haley.
No hay comentarios:
Publicar un comentario