O meu Barrio



  Pertenzo a un barrio dos arrabaldes de Carballo. Un barrio que tiña personaxes moi peculiares nos anos 1960-1970. Escomenzo polo zapateiro, Manolo Pelolo. Unha gran persoa, moi entrañable, tiña sempre a zapatería chea de nenos. E contáballes moitas historias e aventuras. Tiña os pantalóns caídos como os de Cantinflas e como a xuventude de agora. Pero aínda máis caídos os tiña cando ía  facer as súas necesidades á corredoira que levaba ao Anllóns. Metía a cabeza na matogueira para que non o coñecesen. Pensaba que as partes de atrás eran todas iguais. Outro personaxe moi querido era Chucho de Penedo. Tiña un Ultramarinos, que bocadillos de sardiñas! Alí xogábase ao xadrez, á ra, ás cartas e mercábase case que de todo, ata sen cartos! A súa frase máis usada era "Xa me pagarás". Outro era Manolo Mustafá. Mustafá Chispumbumbá, así lle chamaban. Estabamos moi ledos de que vivise alí de día, pero de noite non, pois púñase a tocar a horas intempestivas. Era solista, saxofonista, trompetista, armoniquista, baterista, guitarrista, manager, director de orquestra, condutor do tráiler, vaia da moto con remolque, era recibidor de tomates, de ovos e de terróns. Vou contar unha anécdota de Mustafá: Chucho do Allo tiña unha taberna ambulante e organizaba algunha que outra verbena, chamou a Mustafá. Mustafá ante a concurrencia dixo: "Coidado, coidado con los torrones, porque se no se lo dijo a Chucho del Ajo". Mustafá era un inventador, foi dos primeiros en ter unha televisión en cor. Con tres plásticos transparentes de cor vermella, azul e verde ben tensos nun marco e este acoplado á televisión de branco e negro, Mustafá tiña unha televisión a cores. E quédame o último, Ernesto de Canaveiras. Ernesto tiña unha sala de xogos, que digo, tiña un pavillón deportivo. Alí xogábase ao pin-pong, ao billar, ó futbolín e ó baloncestolín. A que poucos vos lembrades do baloncestolín? Era como o futbolín, acristalado, con cinco bonecos de cada lado. Diante de cada boneco había unha trampiña que se accionaba cun mando (todo mecánico, todo manual, nada electrónico). As trampiñas estaban nun terreo descendente e a bóla ía  parar alí. Accionabas o mando e a bóla voaba cara a canastra. Segundo a forza que lle deras ó mando a bóla entraba ou non. Lémbrome dunha anécdota nos futbolíns de Ernesto: Suso o Tranquilo e Xoán o Pispiso xogaban contra Xoán de Ramona e Xosé Manuel de Marcial. Xoán e Xosé Manuel gañaban e cunha gran euforia Xosé Manuel dixo: "Somos os peores!" E Suso o Tranquilo, nada tranquilo, dixo: "Iso hai que velo!" Ernesto era un home adiantado ao seu tempo. Vendía condóns cando estaban prohibidos. Era a única solución para que as mozas dos pobres non tivesen fillos. As dos ricos ían a Londres  abortar. Ernesto non vendía a pílula do día despois, vendía o condón do día antes. Xosé Manuel de Marcial comproulle un e aínda o ten. Dada a miña inmobilidade, non puiden ser testemuña destas historias. Contoumas Xosé Manuel de Marcial, que agora vive en Sofán pero é da Casilla. Este é o meu barrio. Chámanlle así pola casa de peóns camiñeiros que alí hai. Eu son esa casa. Eu son a Casilla.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.