Nun lugar da Costa da Morte, cuxo nome non direi, hai unha casa de comidas onde fan uns cocidos impresionantes e unhas filloas aínda máis, e alí fun cuns meus familiares. Estabamos comendo aquel cocido impresionante cando chega o camareiro con aquela fonte de filloas, encartándoas catro veces e poñéndoas a carón de cada prato (nin encartadas cabían no prato), chegou a min e díxenlle: "Esta é a servilleta?", e díxome: "Si, con puntilla de Camariñas". Era todo puntilla, era todo buracos, endexamais vin tantos buracos por metro redondo!
Meu cuñado, que non pode evitar botarlle azucre, tivo que botarlle azucarillos, pois o azucre escapáballe polos buracos. Tal enormidade de filloas á pedra tivéronas que facer no tellado do Dolmen de Dombate.
Non vou falar do cocido, pois non me cabería o relato no blog. Que cocido!, cuns tubérculos de Coristanco, cuns grelos doces da horta, cuns chourizos do cortello, cuns lacóns do mesmo cortello, cuns etc. do mesmo cortello, cuns polos do curral (a horta, o cortello e o curral eran da mesma casa). E o pan era de Carballo, xa di a canción: Pan de Carballo, más bueno que el paté! Lembrádesvos da canción da propaganda de Patés La Piara más buenos que el pan? Pois eu deille a volta. Tampouco vou falar dos doce doces que degustamos acompañados cuns licores de todas as cores.
Este relato está adicado a todas esas casas de comida enxebres e tradicionais, cuns produtos autóctonos e caseiros, que hai en moitos puntos de Bergantiños.
No hay comentarios:
Publicar un comentario