
Supoño que case todos tedes unha lembranza dalgún mestre da vosa "novez". Eu non, eu non me lembro da Srta. Maripili, porque endexamais a esquecín. Era unha gran muller dentro dun corpo pequeno. Tiña un gran corazón. Perdoaba antes de que lle fixésemos as falcatruadas. E loxicamente, como os perdóns caducaban, faciámosllas. Non lle fixemos tantas, só lle fixemos unha, pero faciámoslla case que todos os días. A mesa do mestre estaba nun estrado, poñiámoslle unha pata da mesa no bordo do estrado, só pousando un milímetro. Cando chegaba, cargada de libros, desexando pousalos, sentíanse tres PUMS. O primeiro PUM os libros contra a mesa, o segundo PUM a mesa contra o chan e o terceiro, moito máis suave, a miña man agarrando o seu brazo, para que non caese. Dicía: "Sempre me pasa nesta clase".
Dábanos Grego e Latín. Eu era un artista da copla, quero dicir da copia. Ela dicíame "ti copias" e eu dicíalle "si, pero ten que demostralo". Manquei unha man, non podía ir a ximnasia. Pedinlle a Maripili se podía ir ás súas clases nesa hora para máis saber. O motivo era outro, as clases eran femininas e de historia, que eran as miñas materias preferidas.
Un día, alí estaba eu no medio das rapazas e Maripili preguntou:
- Quen deu o golpe de estado en Rusia no ano 1917?
Ninguén contestou, levantei a man (a outra) e Maripili dixo:
- "Aquí o tedes, podía estar no xardín e está aquí intentando saber máis, tomade exemplo. Contesta, Xosé Manuel". Eu dixen :
- Señorita, non sei quen pegou o golpe de estado en Rusia no 1917, pero o golpe de estado a miña nai pegoullo meu pai en 1959.
- FÓRA E NON VOLVAS MÁIS", berroume.
Mes de xuño, época de exames, non sei cantos por día. Exame de Xeografía Económica. Nin idea. Dous compañerios e mais eu decidimos entrar no despacho do director, que era o noso mestre de Xeografía Económica, a polas preguntas do exame. Que metedura de pata! Cousas de rapaces. A min chegábame un un para aprobar coa nota media. Aos meus compañeiros con un cero tamén aprobaban. Pillounos o conserxe. Consello de guerra. Eles que eramos culpables, nós que inocentes. O castigo era suspensión e expulsión. Outra vez saíu a relucir o covarde que hai en min e confesei, chorando naturalmente. Maripili dixo berrando:
- Por que, por que, por que? E eu díxenlle:
- Errare humanorum est" e ela, con aqueles ollos chorosos, enternecida polas miñas bágoas e polo meu sorriso, dixo:
"Eu a estes nenos apróboos, pero en setembro". Aos outros mestres non lles quedou máis remedio que secundar a Maripili. Así que suspendemos todo en xuño, pero aprobamos todo en setembro sen facer exames.
Eu non estudei máis. Os meus compañeiros si, e chegaron moi lonxe, de feito fai moito que non os vexo.
Gustaríame dedicarlle este relato á miña afillada Maruxa, pois está de cumpleanos para o ano que vén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario