Noite en vela



  Gustaríame saber canta xente morre pola gripe común ó ano en México D.F., que ten 20.000.000 de habitantes. Gustaríame saber canta xente morre en España ó ano pola gripe común. Gustaríame saber por que algúns medios de comunicación venden tranquilidade e outros venden pánico. Acaso esta crise da gripe porcina é culpa de Zapatero? É boa verdade que do porco aprovéitase todo, ata a gripe. Xa sei que agora (porque seguro que cando publiquen esta carta xa lle chaman a GRIPE A) chámanlle a GRIPE NOVA. Esperamos que pronto sexa vella, para que morra de vella, e senón que lle dea un ictus cerebral canto antes.
Gustaríame saber se podo ver películas de Cantinflas, por se pode haber contaxio. Gustaríame saber por que antes eu tiña cobertura no meu MOVISTAR na miña casa e agora non. Será  porque a xente veciña miña estase a dar de baixa da telefonía fixa, dada a inutilidade da mesma, e Telefónica non quere perder ingresos? Ou foi que o Ciclón Klaus tirou a antena. Gustaríame saber se teño que pedirlle a Santa Klaus unha antena nova.
  Gustaríame saber por que os nosos fillos adolescentes (o noso xa ten 18 anos) non queren que os levemos aos sitios de marcha e por que non queren que os vaiamos  buscar ao  mesmo ídem. Total non durmimos, estamos a noite en vela (vaia, eu durmo ata que a miña muller me desperta e me di que "son as catro e Xacobe aínda non veu"). Ben nos podían dar ese gusto. Preguntarédesvos por que non o chamo ó móbil; xa dixen, non teño cobertura e son un dos veciños que deu de baixa o fixo. Sinto ruído na porta; o noso acaba de chegar. Xa podemos durmir tranquilos ata a próxima!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.