Todos nós temos usado esta frase cando falece algún coñecido: "Era unha gran persoa". Lémbrome unha vez que o dixen e alguén me rebateu: "E logo, eu non o son?" Contesteille: "Cando morras tamén o serás, pero el xa o era".
O outro día un amigo meu, José Manuel Barca Becerra díxome: "A ver cando me fas unha carta homenaxe". Contesteille: "Cando morras", pero el replicou: "Non, eu quero lela". "A ver o que podo facer coas 25 letras do alfabeto galego".
A verdade é que é mellor que o homenaxeado estea vivo. José Manuel Barca Becerra é unha gran persoa ao ancho, ao alto non tanto. É un gran contador de contos, historias, anécdotas... Hai que velo, miralo, oílo, escoitalo, sentilo, rilo e por suposto choralo (coa risa). A súa dona non pensa igual ca min, pensa que é un desastre, que non vale para nada, pero ela quéreo no fondo, no fondo, no fondo do mar (é unha broma, el a min tamén ma faría).
A historia verídica máis famosa del é a dos grelos: Fai uns anos algún que outro matrimonio de Bergantiños emigramos a Italia. Traballabamos en casas privadas máis ou menos pudentes. A dona facía de cociñeira, pasaba o ferro, facía as camas, etc., e o home facía de camareiro, chofer, facía a limpeza e sacaba de paseo aos cans, etc.
Os primeiros traballos eran en casas pouco pudentes, pagábanche pouco e había pouco de comer (ata os cans pasaban fame), pero collías experiencia e aprendías o idioma. Nun antroido os xefes de Barca e Carmen foron de viaxe, e eles quedaron ao cargo da casa e mais do can. Invitáronnos a comer un cocido. En Italia a cousa máis parecida aos grelos son "cime di rape" pero aqueles "grelos" estaban durísimos e comemos o resto. Os grelos démosllos ao can. Papounos en dous bocados, tal era a fame que tiña. Era un cocker pel canela moi delgadiño. Ao día seguinte Barca levou a pasear ao can por Vía Spiga (A Vía Spiga é a Milán, como a Rúa Real á Coruña). Barca ía todo chulo co can detrás, atado cunha correa. E a un certo punto decatouse de que a xente se ría e quedaba mirando para el. Barca mirou para atrás e viu que o can ía soltando lastre, o lastre dos grelos. Soltouno da correa e seguiu andando, disimulando como que o can non tiña nada que ver con el. De cando en vez miraba para atrás por se o can acababa de acabar. Cando isto pasou púxolle a correa e foron para a casa.
No ascensor levantoulle a man, facendo ademán de pegarlle e díxolle: "Que sexa a última vez que me deixas en ridículo diante de tanta xente", e o can contestoulle: "Guuuuauu-guuau-guaaauu", que quere dicir en idioma canino-italiano "A próxima vez que me deas grelos chívome, que fas festas na casa cando non están os xefes".
Quen tamén merece unha homenaxe é Paco Lodeiro, cantante, presentador, humorista, imitador, letrista..., en definitiva, un artista. Propóñoo como candidato ao vindeiro día das Cifras e Letras Galegas. E proporía como cadidato ao día do Acento Galego a Paco Vázquez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario