Casa falante



  Fai moito que non a vexo. Lémbrome cando pasaba ó meu carón; sempre falaba comigo. Ola! Que tal? Por aquí, por alá. Un día pregunteille: "A onde vas, Milagres?" "Ao xardín, queres vir comigo?" Contesteille: "Non, eu son unha casa e non me podo mover". Ela gozaba moito no xardín. Vía os nenos pasalo ben nos arrandeadoiros, nos escorregadoiros. Ela non podía, pois estaba nunha cadeira de rodas.
  Outro día, un domingo, díxome: "Vou á misa, queres vir comigo?" Contesteille: "Non, non podo ir á misa, non podo comungar, son unha casa", e díxome: "Hai casas que comungan con rodas de muíño,  os muíños!" É moi simpática e moi espontánea. É Milagres Cotelo Rama. Lembrouma Xosé Manuel de Marcial. Contoume que foron xuntos a un curso de iniciación ao galego.
  Xosé Manuel facía moito que non a vía. Son dun tempo. El lembrábaa. Ela lembrábao. Eran veciños, pero endexamais se falaron. Non por ela, a culpa era del. El era introvertido e vergoñento e pensaba que ela non falaba, que non vía, que non miraba. Pero ela mira, ve, escoita, fala, ri e ríalle as súas gracias no curso, e dicía: "É meu veciño". Naqueles tempos ter unha persoa discapacitada era tabú, agochábana na casa e avergoñábanse de ter unha persoa con minusvalía.
  Neste caso non. Sacábana todos os días. Alternaban os pais e irmáns a empurrar aquela cadeira de rodas. Ten unha minusvalía case que do cen por cen, só move un pouco as mans, ten uns ollos saltóns, un sorriso, unha risa, unhas ganas de vivir... Xa digo, ten minusvalía no corpo, pero ten moita plusvalía na cabeza. Con aquelas mans logra facer proezas con pinturas, lenzo e pinceis. É unha artista. É o personaxe máis salientable da CASILLA.
  Estou vendo fume aló ao lonxe, paréceme Manolo o Varredor, tamén chamado Barrié, outro personaxe peculiar da Casilla. É a súa faria a que bota fume. Vén empurrando unha cadeira de rodas, nela vén Milagres. Dígolle: "Ola, Milagres! Canto tempo sen verte?" E contéstame: "Díxenlle ao meu pai que tiña ganas de voltar ao meu barrio, de voltar á Casilla. Chámanlle así por ti, porque es unha casa de peóns camiñeiros. E quí estou".
  Dígolle: "Sentín dicir que es unha artista, e dixéronme que tiñas moita man coas casas, fasme un retrato?"

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.