O bosque encantador


Lembreime este día de Bert, o amigo de Mary Poppins, debuxando un, río, unhas pontes, un outeiro e un bosque na beirarúa. Pidíronlle o debuxo dous nenos que coidaba Mary Poppins, que coa súa maxia, transportounos a aquel debuxo. A cara dos nenos chea de asombro, sorpresa e ledicia ao ver aquel ambiente, aquel colorido, aquela festa. Si unha festa que estaba detrás do outeiro do debuxo. Esa cara e esa faciana púxena eu ao ver unha romaría semellante.Aquela estampa era digna dun cadro de Botticelli. Non era a festa do Bloque, nin a festa do blosque, era a festa do bosque. Do bosque do Añón, en Carballo.
Hai que di, quen pensa que foi o Bloque a recuperar esta tradición. E certo que fai dez anos o concello metiu no programa das festas de San Xoán a romaría do bosque, pero foi unha a peña Os Larpeiros, que xa facía varios anos que a celebraba, a que recuperou a festa.
Facía case que 50 anos que eu non ía a esta romaría. Antes, celebrábase o último día da festa de San Xoán. Teño algunha foto na que eu nin andaba.
Pero ao bosque tamén íamos en vez de ir a praia. As praias, naqueles tempos quedaban moi lonxe, ao non haber coches, nin estradas. Fixádevos que naqueles tempos chegábase primeiro as praias de Sabón ou Riazor, indo no trole. Naqueles troles, de dous andares, con cadeiras de madeira...Despois empezou a ir a Razo o autobús de Adeso, pero sempre viña ateigado de xente e moitas veces tiñamos que vir andando.Por iso digo, mais ben escribo, que o bosque, así como a Blandesa, a Cheda, a presa da Casilla...eran as nosas praias.
Total que tiña razón Luisiño da Lanceira, persoeiro moi entrañable e moi querido da nosa historia, a historia de Carballo. Dicía :" Cunha cunca de sal e un carro de area xa temos praia como a de Razo"

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo