Colesterol

  A miña relación cos médicos foi de menos a máis. Lémbrome unha vez de rapaz, que fun ao médico por receitas e entrei fumando. Naqueles tempos fumábase case que en todas as partes, menos na misa, que tamén. Lémbrome nun funeral no que un señor se puxo a fumar e outro, que era gardador de formas, díxolle: "Non fumes na misa, me ca... ios". Pois iso, entrei fumando na consulta do doutor e díxome: "Es moi novo para fumar". E contesteille: "Só fumo cando veño á súa consulta", e o doutor dixo: "Daquela non fumas moito. Quen es?"
  Outra vez tiña cita co otorrinolaringólogo (levoume tres minutos escribilo) para as cinco da tarde. Cheguei ás cinco menos cinco e ás cinco xa estaba fóra. A miña dona preguntoume: "Que che dixo o que che leva escribilo tres minutos?" Dígolle: "Díxome que eu era 10.000 pesetas máis pobre e que el era 10.000 pesetas máis rico". Seguín a ir ós médicos, pero agora vou máis que nunca, que se varicies, que se calvicies, que se xordeira, que se ácido úrico, que se colesterol... E digo eu, que son de Carballo, que son moinante de sangue, quero dicir doante de sangue, por que cando nos fan o furado, para quitar o sangue, non nos controlan o colesterol, o ácido úrico, os leucocitos, os cromocitos, os trombocitos, os eritrocitos...? E cando che fan un electrocardiograma non che miran o nivel de amorcitos que tes pola túa parella?
  Total, que o ano pasado tiña 275 de colesterol. Ando unha hora diaria, pero non todos os días. Como verduras, como á grella de luns a venres, pero as fins de semana que se xamón, chourizo, lombo, queixo, ovos, tortilla, patacas fritas... Unha vingaza en toda regra. Tomo deses iogures milagreiros, lecitina de soia e agora teño 360 de colesterol. Será porque o día da análise non tomei o iogur? Pero tiña que ir en xaxún.
  Total que agora acabáronse os chourizos, o xamón, o queixo, ovos, tortilla, patacas fritidas. O que máis vou  botar de menos é ou son os ovos fritidos, con patacas fritidas, chourizos e salchichas. Para min era unha festa e eu tiña un ritual: os ovos no medio do prato, as patacas fritidas dun lado, os chourizos e as salchichas doutro. Ía comendo o resto e deixaba os ovos para o final. Cando quedaban só os ovos íalle comendo a clara e quedaba só a xema, collía o garfo e usábao como paleta con coidado de non furalo, metíao na boca enteiriño, cerrábaa para que non saíse nada para fóra. Cerraba as meixelas e aqueles ovos, aqueles soles, aquela explosión amarela... Só teño unha palabra para describilo:  HIPERSUPERMEGAMOITO!
  Consólame pensar que facer o amor enviagrado non produce colesterol. Ou si?

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.